O HOSPITAL COMARCAL / PÚBLICO DE VALDEORRAS (4)
O DISTRITO SANITARIO DE VALDEORRAS E A SÚA ATENCIÓN SANITARIA PÚBLICA (9)
RECURSOS HUMANOS
Bo día de novo, imos seguir co tema dos recursos humanos no noso hospital do Valdeorras.
Se lembrades, deixamos o tema con dúas cuestións pendentes : unha era que nos dicían que xa non había dotación de ningún centro específico senón que todos eramos Área e que polo tanto non nola podían dar e a segunda é que nós precisabamos esa información para resolver unha serie de dúbidas que se nos propoñían e que eran as seguintes :
-
Se hai máis o menos profesionais orzamentados
-
Se están cubertas tódalas prazas orzamentadas
-
De non estar cubertas cal é a causa?
-
De estar cubertas, se están todas traballando no HCV ou se teñen aos/ás profesionais por outros hospitais en comisión de servizo etc mentres o HCV pasa penurias e non pode ter unha axeitada actividade asistencial.
-
Hai prazas reservadas para persoas con discapacidade física ou intelectual.
Nas reunións coa xerencia reclamamos eses datos moitas veces e xa fartos da resposta de que non hai distinción que somos todos un (cousa que é falsa como o bico de Xudas) púxoselles de exemplo tanto a Eloina Núñez (xerente EOXI e curmancísima de Feijóo dos meus Peares) a Iolanda Lesmes (directora de Recursos humanos até hai uns días), a Félix Ruibal (Xerente da Área Sanitaria) e tamén á Directora de distrito Sanitario (Margarita Rodríguez, que anda por aquí como se isto non fose con ela), púxoselles digo, de exemplo a dous corpos tan pouco sospeitosos de nacionalismos, individualismos territoriais, separatismos, localismos, feitos diferenciais e cousas así como son a Armada Española e a Garda Civil; para estes dous corpos o estado que eles chaman nación, é un, tanto dende a Coruña a Barcelona e Illas Baleares coma dende Bilbao até os territorios africanos do sur e as Illas Canarias. Estes si que non teñen disquisicións de ningún tipo eles son “un só corpo” en calquera sitio que estean, pero se lles preguntas a calquera dos seus respectivos responsables de recursos humanos polas dotacións dunha fragata, ou a dotación do posto de Garda Civil (O Barco , A Rúa, Viana ou Betanzos) descríbenchos perfectamente: Tantos mariñeiros ou números da Garda Civil, tantos cabos, tantos suboficiais tantos oficiais etc. e diferénciancha por escalafón e danche de ser preciso os nomes de cada un deles. Pois ben, se organizacións tan grandes coma esas son quen de dar os cadros de persoal das súas naves e cuarteis como é posible que o da Xerencia da Área de Ourense Verín e O Barco de Valdeorras non sexa quen da dar o cadro de persoal do Hospital de Valdeorras?. Está claro que a resposta é que o queren agochar, e a demostración irrefutábel disto está nun suceso que ocorreu no 2017 e do que nunca queren falar: calan e disimulan. No 2017 un xulgado obrigou á Xerencia da EOXI a entregarlle as RPT (relacións de postos de traballo) á Xunta de persoal do CHUO (Complexo hospitalario universitario de Ourense), e así fixeron e entregaron unhas táboas de Excel sobre as que a CIG-Saúde Valdeorras tirouse coma leopardo sobre gacela chegando a detectar curiosos datos sobre eses supostos especialistas que non existían nin querían vir a Valdeorras. Pois ben, no 2017 mentres o hospital de Valdeorras ía esmorecendo, nós detectamos que de forma oculta polas xerencias había 20 especialistas deste hospital que estaban “prestados” a outros centros. E este é o listado de especialistas que deberían estar pero non estaban
-
Xinecoloxía
3
No 2017 tiñan que estar no HCV desenvolvendo as súas funcións. pero estaban noutros centros.
Os nomes non os damos pola lei de protección de datos, pero ter témolos.
Cardioloxía
1
Medicina Interna
3
Anestesia
1
Hematoloxía
2
Traumatoloxía
1
Microbioloxía
1
Oncoloxía
1
Cirurxía
1
Radioloxía
1
Rehabilitación
1
Admisións
1
Outros
3
Isto chámase espir un santo para vestir outro. Ese apartado de “Outros” vén a estar porque pese a ter o nome e a data de toma de posesión ou contrato supostamente no HCV, non fomos quen de atopalos no sistema asistencial do SERGAS, cousa que pode pasar cando un profesional cambia de comunidade ou está en excedencia ou xubílase ou cousas así, pero a praza estar está porque el no seu tempo estivo a ocupala.
Tras este descubrimento, tiñamos respondidas algunhas das preguntas que formulabamos antes, dende logo a número 4 totalmente respostada, pero das outras aínda temos dúbidas.
Tamén nos dá a impresión de que hai profesionais que toman posesión no Hospital de Valdeorras conscientes de que non han poñer os pés nel amparados polos enchufes que teñen (o que hoxe chaman finamente “Rede de contactos persoal” e que os novos xestores nos venden cun descaro espectacular como unha gran cousa non sendo senón a volta a tempos pasados); a verdade é que o hospital pasaba xa por moi maos momentos, aínda que nalgúns servizos non houbese unha desfeita asistencial porque eses especialistas “prestados” a outros centros estaban cubertos con substitutos
Para resumir, salientar que no 2017 o HCV pasaba serias dificultades mentres se permitía a cesión de 20 dos seus especialistas a outros centros.
Que un profesional tome posesión dunha praza no HCV para non poñer os pés nel é funesto para o HCV, porque se ese persoal que non quere vir non ocupase a praza en propiedade no HCV, seguramente o faría outro e teriamos unha dotación completa de xente que se fidelizaría en moitos casos á comarca, e así só temos prazas baleiras que no mellor dos casos e tras moitas protestas sindicais van ser ofertadas para contratación temporal precaria ( nin sequera de substitución nominal, é dicir: contratados pola ausencia de tal o u cal especialista que está en comisión de servizo, e polo tanto o seu contrato durará o que a dure a súa comisión de servizo). Moitas veces, estes novos contratos para cubrir o ocos deixados polos cedidos a outro hospitais eran ofertados por meses ou semanas ou o que chaman “ de acumulos de tarefas”, pero en todo caso contratos curtos que se podían ir encadeando uns a outros a criterio da xerencia. Lembrades que dixemos antes que os recursos humanos en sanidade eran escasos e había competencia por posuílos?, pois ben, eses escasos recursos humanos, sobre todo de facultativos especialistas, non moven unha casa, non trasladan a residencia coa familia e a escolarización dos nenos, por un contrato de semanas ou un mes, como moito veñen sós pero marcharán tan pronto teñan oportunidade, o que non adoita tardar moito tempo. Ofrecer contratos precarios é unha forma cruel de descapitalización humana dun hospital comarcal: e é o que están a facer.
Como se descapitaliza de recursos humanos un pequeno hospital comarcal ?
É moi doado para unha persoa observadora que resida neste distrito sanitario darse conta de cales son os modos de descapitalización de recursos humanos dun hospital comarcal:
1) Agochar os cadros orzamentados de persoal: así as organizacións sindicais só poden tirar do histórico, e facer comparacións.
2) Sacar as prazas a OPE especificando cara á opinión pública só os totais de forma que non se produzan movementos cidadáns de reivindicación
3) Xerar confusión na cidadanía facendo pasar por prazas de nova creación ou incremento de prazas o que só é a adxudicación da titularidade da mesma praza que xa se ocupa, ou intercambiar interinos por titulares: o número de profesionais finalmente resultante é o mesmo que nun principio .
4) Adxudicar as prazas e permitir que os titulares non se incorporen por mor de ter unha comisión de servizo, unha orde de servizo, ou aducir o dereito do profesional a permisos e excedencias (iso témolo visto en atención primaria na Veiga ou na hospitalaria no servizo de rehabilitación do HCV)
4) Dar unha praza xa coa idea da dirección e contando co acordo do profesional (non podería ser doutra forma ) de non ir a ese hospital senón a outro, xeralmente o grande colocado na cidade (iso pasoulle ao HCV con cardioloxía hai anos e así estamos aínda: por aquel entón preguntámoslle á xerente do HCV que onde estaba o cardiólogo que acadara praza en propiedade no HCV na última OPE e díxonos que estaba en Ourense porque era máis eficiente telo alí, aquí había pouco traballo e alí facía máis falta , viría algún día á semana a pasar consulta)
5) Conceder comisións de servizo sen ter o reposto para a praza que quedará descuberta.
6) Para a cobertura deses ocos deixados polos propietarios en comisión de servizo e cousas así, ofertar contratos temporais moi curtos de forma que a un posible profesional substituto non lle resulte atractivo ou marche tan pronto teña un mellor contrato.
7) Non prever o resultado dos traslados tralas convocatorias dos mesmos, sabendo como saben as peticións que hai e o que vai suceder con elas.
Como xa vai gastado o espazo que teño “autorizado" imos deixalo até a semana próxima na que seguiremos falando dos recursos humanos e as consecuencias da descapitalización deles.
Supoño que todos/as estades enterados do problema da falta de radiólogos que presenta o hospital do Barco, trala marcha de dous deles polos traslados voluntarios, e as implicacións que ten isto para os pacientes?, fixádevos o importante que é a opinión pública e a reivindicación: hoxe a Consellaría de Sanidade informa que nestes días o DOG publicará a resolución da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de V. mediante a que se ofertan contratos de longa duración de especialistas en radioloxía para o HCV (deste tipo de cousas falabamos no punto 6 anterior e claro, esta vez é ao revés porque están por “capitalizalo”), pero vén esta oferta de contrato tras unha batería de preguntas parlamentares do BNG feitas por María G. Albert ( a nosa deputada da Rúa) e as protestas sindicais da CIG, mais non é doado que se atope radiólogo se non se oferta a titularidade da praza.
Ben, déixovos unha copia do escrito da CIG e vémonos a próxima semana. Felices Festas e xa sabedes: sentidiño.
