O DISTRITO SANITARIO DE VALDEORRAS E A SÚA ATENCIÓN SANITARIA PÚBLICA (3)
* Terceira entrega do monográfico sobre a situación sanitaria na comarca de mans de José Jesús Vilasánchez
* O autor fai aquí unha análise pormenorizada da situación e xestión das listas de agarda do SERGAS en Valdeorras.
LISTAS DE ESPERA SERGAS
Prometemos a semana pasada falar nesta entrega de listas de espera e ademais dunha forma máis sinxela e con menos academicismo, así que a iso imos aínda que non chegará cunha “entrega”.
Está claro que a todo paciente hai que atendelo en tempo e forma; é dicir: nun tempo axeitado para que a evolución da súa enfermidade nin o mate nin lle deixe secuelas irreparábeis, e ademais hai que asegurar que todos os pacientes teñen os mesmos dereitos a seren atendidos, sen discriminacións por motivos económicos ou afinidades ideolóxicas (enchufes fóra). Para regular todo isto apróbanse distintas normas legais que regulan os tempos máximos de espera, etc.
hai que ter varias cousas claras:
As listas de espera non son máis que relacións numéricas da cantidade de xente esperando:
Para seren operadas : lista de espera cirúrxica;
para seren atendidas en consultas por un primeiro episodio: Lista de espera de consultas externas,
e para que se realicen probas diagnósticas: lista de espera de probas diagnósticas
Xa que non todas as enfermidades son iguais e polo tanto non teñen a mesma importancia ou prioridade para o tratamento (non é o mesmo un cancro que un xoanete), hai tres niveis de prioridade para a cirurxía:
-
Prioridade 1: a intervención non admite unha demora superior aos 30 días
-
Prioridade 2: o tempo recomendábel de intervención non debe superar os 90 días
-
Prioridade 3: a enfermidade permite a demora do tratamento por non producir secuelas importantes
Que a lei 12/2013 , a chamada Lei de Garantías sanitarias indica un tempo máximo de espera de
60 dias para acceder a unha intervención cirúrxica,
45 días para acceder a unha consulta externa,
e de tamén 45 días para acceder a probas diagnósticas e/ou terapéuticas
Que o Decreto 105/2017 recolle en varios anexos as enfermidades ás que afectan eses tempos máximos de espera (non saen os xoanetes por exemplo, saen cancros e cousas chungas)
E que o decreto 104/2005, de 6 de maio , de garantías de tempos máximos de espera en atención sanitaria non urxente prevé un prazo máximo de 180 días de espera estrutural para intervencións cirúrxicas, coa posibilidade de que transcorridos 140 días o usuario/a pode continuar nesa lista de espera ou requirir a atención sanitaria en calquera outro centro sanitario acreditado da Comunidade Autónoma de Galiza (hai cousas loxicamente excluídas como por exemplo un transplante porque vén sempre condicionado a que haxa un órgano viable co receptor) e o SERGAS facerse cargo do custo da intervención; ollo: antes de tirarte á aventura ponte en contacto con admisión do teu Centro e comunica esa intención, cousa que temos comprobado que adianta os tempos unha barbaridade e evita sorpresas desagradables, como por exemplo enterarte de que perderas o dereito e estas garantías de tempos máximos ou que teñas suspendido temporalmente o cómputo de días, e ti sen sabelo. Porque legalmente é posible perder o dereito a estas garantías sanitarias ( nunca á atención sanitaria pero si a ser atendido no tempo máximo a priori garantido) e tamén é posíbel que che suspendan temporalmente o cómputo de días en espera.
As listas de espera son uns dos mellores indicadores da calidade do funcionamento no sistema sanitario, e que por tanto son obxecto de intenso debate político con todo o que iso significa, e tamén por tanto están sempre “cociñadas”, é dicir: manipuladas e con datos ocultos. Como se dunha maldición bíblica falásemos, desaparecidos os escribas chegaron os fariseos, terxiversando todo e utilizando trucos propios de tafures do Mississippi para agochar os maos datos nas listas de espera. E por certo, en non todos os hospitais se fan trapalladas de igual calibre, houbo certa xente que preferiu dimitir ou prexubilarse que ter que ir por eses carreiros, algunha trampiña si, pero por outras non pasaban e os tempos non ían coas súas conciencias.
Temos que saber que as listas de espera “oficiais” son públicas. Calquera de nós pode acceder aos datos que o SERGAS dá ao público (non a todos os datos), tan só ten que buscar en Google : indicadores xerais de listas de espera, Sergas e accederá ás listas de espera cirúrxicas, de consultas externas e de probas diagnósticas tanto por Eoxi/Áreas sanitarias como por hospitais e servizos.
Unha das cousas que chama a atención é como se foi reducindo a información que os xestores do Sergas dan á cidadanía: até o 2014 as listas de espera publicábanse cada 3 meses, a partir da lei 12 /2013 de 9 de decembro só estaban obrigados a facelas públicas cada 6 meses, e así viñan facendo até o 2019, xa que a partir de decembro do 2019 non publicaron máis nada.
Imos ver as listas de agarda CIRÚRXICAS (nós usaremos sempre as cirúrxicas para exemplos) de decembro do 2015 e de decembro de 2019 para a área sanitaria / EOXI de Ourense Verín e Barco de Valdeorras, xunto con Vigo (para que se vexa que había pacientes esperando “oficialmente máis dun ano”), as xerais do SERGAS , e tamén despois as do noso hospital (listas de espera por tramos de espera de 0 a 3 meses , de 3 a 6 meses de 6 a 12 e mais de 12 meses de espera, total de pacientes e tempo medio de espera (TME).
Pois ben, podedes ver que a nosa Área / Eoxi empeorou bastante nestes catro anos: somos máis pacientes esperando e esperamos máis tempo, de feito hai xente que espera entre 6 meses e 1 ano, cousa que “oficialmente” antes non pasaba. Mais o total Sergas en datos cociñados mellorou moito (certo que non sabemos se por mellor asistencia ou por mellores cociñeiros). Non entendemos o parón informativo actual parecendo como parece que en xeral imos mellorando (menos a nosa área), salvo que a Covid-19 e o peche de quirófanos, probas e consultas fixese unha verdadeira desfeita nestes datos: como todos pensamos que sucedeu e por iso se cae nesta ilegalidade
|
Decembro de 2015 LISTAS DE ESPERA |
0-3m |
3-6m |
6-12m |
máis de 12m |
Total |
TME |
|
Eoxi Ourense Verín Barco de V |
2909 |
306 |
|
|
3215 |
43,0 |
|
Eoxi Vigo |
4316 |
1976 |
963 |
99 |
7354 |
99,2 |
|
TOTAL SERGAS SEN POVISA |
24196 |
7419 |
1580 |
129 |
33054 |
70,8 |
|
Decembro de 2019 LISTAS DE ESPERA |
0-3m |
3-6m |
6-12m |
máis de 12m |
Total |
TME |
|
Eoxi Ourense Verín Barco de V |
3128 |
337 |
34 |
|
3499 |
48,2 |
|
Eoxi Vigo |
5624 |
1515 |
67 |
|
7206 |
61,2 |
|
TOTAL SERGAS SEN POVISA |
27812 |
4745 |
317 |
|
32874 |
53,9 |
|
LISTAS DE ESPERA DO HOSPITAL DE VALDEORRAS COMPARANDO DECEMBRO DO 2015 CON DECEMBRO DO 2019 |
|||||
|
|
2015 |
2019 |
|||
|
Pacientes |
TME |
Pacientes |
TME |
||
|
Cirurxía xeral e dixestiva |
27 |
32,4 |
48 |
43 |
|
|
Oftalmoloxía |
54 |
19,9 |
33 |
23,4 |
|
|
Otorrinolaringoloxía |
13 |
37,5 |
5 |
23,2 |
|
|
Traumatoloxía |
55 |
37 |
85 |
42,2 |
|
|
Uroloxía |
18 |
26,7 |
10 |
29,8 |
|
|
Xinecoloxía |
21 |
21,4 |
26 |
34,8 |
|
|
Dermatoloxía |
7 |
15,3 |
Desaparece servizo |
||
|
TOTAL |
195 |
28,8 |
207 |
37,4 |
|
(Nota: tódolos pacientes deste centro estaban oficialmente en tramos de espera menores de 3 meses)
Até aquí DATOS. Agora ANÁLISE DE DATOS: podemos ver que temos máis pacientes en lista de espera que no ano 2015 e que temos que esperar máis tempo a sermos atendidos, e iso que desapareceu o servizo de dermatoloxía!! (mais os que non desapareceron foron os problemas de dermatoloxía da nosa xente: só que agora figuran na lista de espera de Ourense). Tamén que hai servizos con menos pacientes pero que teñen un tempo de espera maior para ser intervidos, e servizos que empeoraron clarisimamente como traumatoloxía ou cirurxía xeral
Cando falan dos bos tempos de espera do Hospital de Valdeorras ou que incluso son dos mellores da rede SERGAS ( como teñen dito por aí adiante) non implica que ese hospital estea mellor que outros nin que a súa poboación de referencia espere menos nin nada parecido, só que os tempos de espera dese hospital para os procesos que lle deixaron son os que sexan.
Imos ver : se o quirófano de dermatoloxía desaparece do HPV (Hospital Público de Valdeorras) eses enfermos pendentes dunha intervención de dermatoloxía desaparecen da súa lista de espera e por tanto o HPV ten menos lista de espera (están nas listas de Ourense). Isto chámase efecto paradoxal : canto peor está algo, mellores resultados presenta. Imos levar un exemplo ao límite: Imaxinemos que retiran toda a cirurxía do noso hospital e deixan só un proceso de uroloxía: Fimose. É dicir, só operan fimoses no HPV, pois ben en cuestión dunha semana non queda fimose algunha no distrito sanitario e a partir de aí a lista de espera é de cero días e de cero pacientes; en teoría, segundo as listas de espera teriamos o mellor hospital da nosa historia, pero na realidade nunca teriamos estado tan mal. Imaxinade que ao igual que nos sacaron dermatoloxía nos sacan cirurxía xeral e traumatoloxía: o resultado é que as listas de espera do HPV mellorarían moitísimo pero nós e o noso hospital teriamos empeorado moitísimo.
Isto vaise alongando e logo hanme rifar, así que corto por esta entrega explicando só 2 cousas máis: Se mirades as táboas, o servizo de oftalmoloxía tiña no 2015 máis pacientes en lista pero con menos tempo de espera que no 2019 e iso parece un absurdo salvo que saibas unha das receitas de cociña utilizadas cando se quere diminuír tempos de espera.
Os tempos medios de espera calcúlanse sumando todos os días de espera do conxunto de pacientes e dividindo polo número de pacientes, e se eu quero diminuír TME só teño que meter pacientes en lista uns días antes de medir as cousas. Exemplo: eu teño 1 paciente que leva esperando 300 días e outro que leva 100 días e teño por forza que rebaixar ese tempo medio de espera (300+100 = total de 400 días que partido polo número de pacientes 2 dá un TME de 200 días). Pois o que fago e esperar para meter novos pacientes nesa lista até uns días antes de medir os datos; imaxinade que 2 días antes meto 5 pacientes, pois o resultado sería:
1 paciente de 300 días de espera.+1 paciente de 100 días de espera +5 pacientes de 2 días de espera (total 10 días); fan un total de 410 días para 7 pacientes o que da un TME de 57,4 días.
E a pregunta é : estamos mellor cun tempo medio de espera de 57,4 días que cun tempo medio de espera de 200 días ?; pois depende: neste caso descrito estariamos moito peor con menor tempo de espera (esta é unha das receitas para cociñar os datos). Por certo, nas lista de espera reais, as que usa o Sergas internamente pero non divulga, hai un dato que é a demora máxima que é o maior tempo que leva un paciente esperando nesa lista: a demora máxima no exemplo que puxemos sería de 300 días. Claro é que esta trampa redutora de TME non se pode facer sen ter pacientes nin con pacientes de prioridade 1 pero outras veces si, e facer faise
Lamentablemente, só teño permiso para catro folios así que remato, non sei se esta entrega é moi interesante, pero os datos hai que dalos e quedamos para a 4 entrega e seguir falando de listas de agarda e xa non de datos, senón xa de trampas e malas mañas e cociñeiros trapalleiros ... ou o trapalleiro era o conselleiro?. Ate o martes que ben compañeiras/os