A proposta de crear unha Casa da Mocidade (acceso aqui ) do Barco que o grupo municipal do BNG levaba ao pleno como moción non lograba saír adiante. Malia lograr o respaldo do PP, non conseguía o apoio do grupo de goberno socialista nunha votación na que se producía un empate de 8 votos a favor e oito en contra (PSdeG-PSOE), pola ausencia do edil socialista Aurentino Alonso. O alcalde, Alfredo García tiña que facer uso do seu voto de calidade para resolver a votación, na que iniciativa quedaba rexeitada.
casa_mocidade_obarco
A moción era exposta previamente polo noso concelleiro Xavier Rocha, quen explicaba que “ao BNG do Barco preocúpanos profundamente que o noso concello non teña Casa da Mocidade. Concellos menos poboados como Curtis ou Chantada, xa teñen este tipo de instalacións, o que fai que nos preguntemos por que nós non. As Casas da Mocidade son espazos vitais para o desenvolvemento e crecemento persoal e social dos mozos e mozas da nosa comunidade. Esta é unha reivindicación historica e que nos leva pedindo a xuventude dende hai moitos anos”, indicaba.
Ademais, o noso concelleiro detallaba as funcións que podería cumprir este tipo de instalación, tales como “orientar e asesorar á mocidade , garantindo que toda a poboación moza do concello teña acceso a unha información ampla, obxectiva e actualizada en relación aos seus intereses e necesidades. Organizar, xestionar e promover programas e actividades formativas no marco da educación non formal orientadas a facer efectivas a igualdade de oportunidades e o desenvolvemento integral da mocidade a nivel formativo, laboral, familiar, etc.. Organizar actividades de ocio e tempo libre. Organizar actividades para mellorar a calidade de vida da mocidade e fomentar o deporte, o ocio saudable, a educación en valores, a igualdade, interculturaliadade, violencia de xénero, etc.. E favorecer a participación da mocidade na vida social e comunitaria, a través de grupos informais e asociacións xuvenís”, entre outras como ensaios de grupos musicais.
A proposta da Casa da Mocidade é rechazada polo Concello do Barco