APOIOANSE TODAS AS REIVINDICACIÓNS CONVOCADAS

Aprobada a moción do BNG do Barco para apoiar á veciñanza afectada polos lumes

agra_pleno
agra_pleno
4/09/2025 Aprobada a moción con 13 votos a favor 
Aprobada a moción do BNG do Barco para apoiar á veciñanza afectada polos lumes

No pleno do 4 de setembro a Corporación do Barco aprobou, por ampla maioría, a moción presentada polo BNG para apoiar á veciñanza afectada polo lume e as reivindicacións que se convoquen. A proposta contou con 13 votos a favor (PSOE, BNG e un edil do PP) e a abstención da maior parte do grupo popular.

O noso concelleiro Manuel Agra lembrou a traxedia vivida en Valdeorras, co maior incendio da historia de Galiza, que arrasou máis de 30.000 hectáreas entre o 13 e o 23 de agosto, afectando casas, aldeas, soutos, viñedos, explotacións agrogandeiras e xerando danos psicolóxicos irreparables. Subliñou tamén a solidariedade da veciñanza e da mocidade, que se implicaron activamente tanto na loita contra o lume como en cubrir as necesidades máis urxentes.

Agra sinalou á Xunta de Galicia como principal responsable da planificación e prevención dos incendios, e advertiu de que é necesario un cambio de rumbo nas políticas forestais e de prevención, abordando cuestións estruturais como o abandono do rural, a precariedade dos servizos de extinción ou o monocultivo de especies pirófitas.

O BNG reclamou ademais que o Concello mellore a información á veciñanza, que se implique máis na limpeza de fincas e dispoña dunha rede completa de mangueiras, ao tempo que acompañe e apoie as reivindicacións veciñais.

A moción saíu adiante e mesmo un concelleiro popular, Manuel Núñez, rompeu a disciplina de voto para apoiala, reclamando maior compromiso de todas as administracións e a creación dunha comisión municipal que prepare á cidadanía fronte a futuros lumes.

O BNG do Barco considera que este incendio debe ser un punto de inflexión: non se pode aceptar que ardan aldeas enteiras cada vez que se repitan condicións semellantes. É hora de mudar as políticas forestais, fortalecer os servizos de prevención e defensa do territorio, e situar ao Concello ao lado da veciñanza nas súas xustas reivindicacións.

Pódese acceder á moción na ligazón https://tinyurl.com/mocionincendios

Aprobada a moción do BNG do Barco para apoiar á veciñanza afectada polos lumes