O BNG exixe a reapertura e mellora da oficina agraria da Rúa

índice
A deputada Maria Albert

A deputada nacionalista Maria G. Albert presenta no Parlamento unha batería de iniciativas reclamando o restablecemento e optimización do servizo

O BNG exixe a reapertura e mellora da oficina agraria da Rúa

A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Maria G. Albert, demandará no Parlamento de Galiza que se restableza na maior brevidade posíbel o servizo da Oficina Agraria da Rúa, que leva pechada xa dúas semanas por baixa das dúas traballadoras asignadas a ela.

 

Albert estimou “inadmisíbel” que a Xunta de Galiza non teña cuberto a falta desas dúas traballadoras nunha oficina que nos últimos anos vén sufrindo un progresivo deterioro de servizo con falta de persoal incidindo no progresivo deterioro do servizo aos usuarios e usuarias.

 

Na actualidade ese progresivo deterioro ten chegado a “límites insoportábeis” co peche sine die dunha oficina que ten a obriga de fornecer “un servizo público fundamental nunha comarca de gran vocación vitivinícola como a nosa”, asegura a deputada nacionalista.

 

O peche da oficina agraria da Rúa está a sobresaturar de traballo á oficina do Barco, que ten que atender tamén as necesidades dos usuarios da oficina ruesa nunha situación “absolutamente insustentábel”.

 

As iniciativas do BNG reclaman a recuperación pronta do servizo, a volta a un cadro de persoal mínimo de 3 profesionais e, en resumo, a configuración dunha Oficina Agraria comarcal que cubra as necesidades dos usuarios; algo que na actualidade “non está a acontecer”.

O BNG exixe a reapertura e mellora da oficina agraria da Rúa