ASILIVAL REÚNESE CO DEPUTADO DO BNG NO CONGRESO, NÉSTOR REGO
Nestor Rego: "É necesario que o goberno estatal se implique con Valdeorras e impulse as súas infraestruturas viarias e ferroviarias estratéxicas"
14/04/2025 Néstor Rego de visita en Valdeorras
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, destacou a urxencia de mellorar as infraestruturas viarias e ferroviarias en Valdeorras, centrando a súa atención na estrada N-120, a circunvalación do Barco e a conexión ferroviaria. Rego subliñou que estas infraestruturas son esenciais para a comarca e criticou os atrasos na súa execución, mencionando que estas accións están recollidas no acordo de investidura co PSOE.
N-120: Néstor Rego demandou unha reparación integral desta estrada, clave para a comarca, e destacou a falta de mantemento e obras de mellora.
Circunvalación do Barco: As obras avanzan lentamente, duplicando o prazo inicial de execución. O BNG rexistrou iniciativas parlamentarias para esixir explicacións e axilidade.
Conexión ferroviaria: Reivindicouse a recuperación de frecuencias e servizos, así como melloras nas infraestruturas ferroviarias.
Ademais, Néstor Rego destacou a importancia da autovía A-76, que conectaría Ponferrada con Ourense pasando por Valdeorras, cualificándoa como unha infraestrutura estratéxica para o desenvolvemento industrial e a loita contra o despoboamento. O BNG comprométese a seguir impulsando iniciativas que garantan estas melloras.
Por outra banda, Néstor Rego e outros cargos do BNG realizaban unha xuntanza con representantes da Asociación de Silicosis de Valdeorras, Asilival, na sede comarcal do partido, no Barco.
Esta asociación, encabezada polo seu presidente, José Rodríguez, transmitía as súas principais demandas, relativas á necesidade de mellorar a situación do numeroso colectivo de persoas afectadas pola silicose nesta comarca.