BNG O BARCO
O concello do Barco acorda en pleno pedirlle á Xunta que cubra urxentemente as prazas de especialistas do hospital
O pleno do Concello do Barco de Valdeorras aprobou este 6 de novembro dúas mocións presentadas polo grupo municipal do BNG, centradas na defensa da sanidade pública e na loita contra a violencia machista.
A moción sobre o Hospital Público de Valdeorras
A primeira moción instou á Xunta de Galicia a cubrir urxentemente todas as prazas vacantes de especialistas no Hospital Público de Valdeorras e no distrito sanitario da comarca.
O BNG denunciou a situación crítica que atravesa o hospital, lembrando que ao seu inicio, en 1984, contaba con máis de 400 traballadores e 62 facultativos, e que hoxe sofre un desmantelamento progresivo dos seus servizos.
A formación nacionalista sinalou que a reforma da Lei de Saúde de 2018, que eliminou a área sanitaria propia de Valdeorras, provocou a perda de autonomía, a recentralización dos servizos e o aumento das listas de espera.
Segundo os datos achegados, unha de cada tres prazas de especialistas está vacante. Ademais, a comarca carece de servizos como urología ou pediatría, non conta con neumoloxía malia a incidencia da silicosis, e en medicina interna a metade das prazas están sen cubrir.
A voceira do PP recoñeceu que a situación do hospital é preocupante, aínda que argumentou que a falta de profesionais é un problema xeral. O concelleiro popular Manuel Núñez (Noli) rompeu a disciplina do seu grupo e votou a favor da moción, afirmando que “debemos como concelleiros defender o noso pobo e a Valdeorras”.
A moción polo 25 de novembro
A segunda moción, defendida pola concelleira Noa Fernández, coincidiu coa proximidade do 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia Machista, e foi aprobada tamén por unanimidade.
O BNG pediu á Xunta de Galicia que asuma as recomendacións do Consello de Contas no seu informe sobre a prevención da violencia de xénero (2018-2022), incrementando o persoal e o orzamento destinado á prevención e sensibilización, e mellorando a transparencia nos procesos de contratación e subvencións.
A moción reclama tamén a aprobación dun plan estratéxico galego específico contra a violencia machista, o reforzo da rede de Centros de Información á Muller (CIM), a reinternalización dos centros de crise 24 horas no sistema público e a creación, no ano 2026, dunha axuda periódica para vítimas de violencia sexual.
“O noso compromiso é claro: ningunha muller pode quedar soa nin desprotexida fronte á violencia machista”, destacou Noa Fernández durante a súa intervención.
Outras mocións
Por outra banda, o grupo popular presentou unha moción sobre a reparación da estrada N-120, que contou co apoio de todos os partidos. O voceiro do BNG, Xavier Rocha, lembrou que o BNG xa presentara varias iniciativas sobre este tema e destacou as preguntas realizadas polo deputado Néstor Rego no Congreso dos Deputados sobre o estado da vía.
Compromiso co público e co territorio
Coa aprobación destas dúas mocións, o BNG do Barco reafirma o seu compromiso coa defensa dos servizos públicos e da igualdade, apostando por unha comarca con sanidade de calidade, igualdade real e atención próxima á veciñanza.