O BNG presentará varias emendas a uns Orzamentos do Estado que “esquecen” a Valdeorras

robertomaria
Maria Albert e o responsábel comarcal do BNG, Roberto Quiroga

* A A-76, as infraestruturas ferroviarias, ou os investimentos no saneamento do río Sil centran o groso das demandas dxs nacionalistas

 

* Albert sinala que “a circunvalación do Barco non pode ser escusa para non afrontar obras fundamentais para a comarca”

O BNG presentará varias emendas a uns Orzamentos do Estado que “esquecen” a Valdeorras

Valdeorras- A deputada do BNG no Parlamento de Galiza, Maria G. Albert, fai unha valoración negativa dos Orzamentos Xerais do Estado (OXE) no que atinxe á comarca de Valdeorras sinalando que “non cobren as demandas básicas” que ten a comarca de cara ao futuro e son, polo tanto “a todas luces insuficientes”.

 

Albert sinala que as comunicacións seguen a ser a gran materia pendente do Estado co chamado oriente ourensán xa que os sucesivos gobernos de PP e PSOE (e agora PSOE-Podemos) teñen lastrado ano tras ano o desenvolvemento de Valdeorras empeorando progresivamente a súa rede de comunicacións; unha situación que este proxecto de orzamentos “non soluciona, máis ben ao contrario agrava”.

 

Neste sentido a parlamentaria nacionalista anunciou unha batería de emendas a estes orzamentos que se centran principalmente na mellora da rede de infraestruturas por estrada (N-120 e A-76) e na aposta polas infraestruturas ferroviarias como medio de transporte central de cara, principalmente, ás conexións coa cidade de Ourense.

 

No que ten a ver coa A-76 os nacionalistas subliñan o “escandaloso abandono” do proxecto nos OXE2021 e recalcan que “case poderíamos falar da súa desaparición absoluta dos orzamentos”. Entenden desde o BNG que as obras na circunvalación do Barco non poden servir de escusa ao goberno central para deixar de lado unha autoestrada que debería vehicular as comunicacións por estrada da comarca e unila ás grandes redes de comunicación da península.

 

Por outra, e no relativo á N-120, González Albert afirma que está nun estado “lamentábel que o pequeno lavado de cara preelectoral do ano pasado non serviu para agochar”. Reclaman tamén os nacionalistas a volta aos orzamentos do acceso da N-120 ao Concello da Rúa que o PP incorporou ano tras ano sen chegar a executar e que agora o PSOE elimina definitivamente.

 

As emendas nacionalistas teñen tamén en conta a calidade das augas do río afectadas polos residuos das canteiras de lousa e as instalacións da UNED en Valdeorras entre outras cousas.

O BNG presentará varias emendas a uns Orzamentos do Estado que “esquecen” a Valdeorras