O BNG pregunta no Parlamento pola nova ponte en Xares

xares2
Representantes do BNG visitarohn as obras

* A construción, que ten levantado alarma pola súa afectación a diversos bens patrimoniais e arqueolóxicos, forma parte dun proxecto maior que consta dun total de 4 pasos sobre o río

O BNG pregunta no Parlamento pola nova ponte en Xares

Obtivo o concello da Veiga os permisos precisos para a execución destas obras (nomeadamente os das Direccións Xerais de Patrimonio Cultural e de Conservación da Natureza)? Esta é a pregunta principal que plantexa o grupo parlamentar do Bloque Nacionalista Galego en relación coa execución dunha nova ponte sobre o río Xares que une a aldea do mesmo nome coa súa igrexa, declarada xunto coa súa contorna como xacemento arqueolóxico “A eirexa” (GA32083021) con grao de protección integral e cautela G-II.

 

Esta, sen embargo, non é a única cuestión que os nacionalistas elevan á Xunta de Galiza en relación con este proxecto que se está a realizar tras a sinatura dun convenio a tres bandas que une ao propio Concello da Veiga coa Deputación Provincial de Ourense e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

 

  • Axústanse as obras que se están a realizar co proxecto aprobado inicialmente?

  • Contan as obras que se están a executar dentro do “proxecto de acondicionamento e mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños na Veiga” coa aprobación definitiva preceptiva da Dirección Xeral de Patrimonio?

  • Presentaron os promotores o proxecto arqueolóxico marcado como preceptivo na aprobación inicial da DX de Patrimonio ditada en 10 de novembro de 2017?

  • Contan as obras co permiso da Dirección Xeral de Conservación da Natureza para os traballos nunha zona afectada ademais pola ZEPA e o ZEC de Pena Trevinca?

  • Cónstalle á Xunta de Galiza que o proxecto sufrise algunha alteración importante tras do seu paso pola DX de Patrimonio que puidese modificar o permiso concedido?

  • Está a facer a DX de Patrimonio un seguimento das obras que se están a realizar?

  • Ten previsto a DX de Patrimonio incoar algún expediente sancionador polas mesmas?

 

A parlamentaria do BNG Maria G. Albert destaca que sen entrar a valorar a necesidade dun novo paso para vehículos sobre o Xares a escasos metros do que xa existe, “a solución escollida semella ter unha enorme afección sobre o patrimonio e a contorna natural” sobre todo se se ten en conta que “o que en principio se pretendía era substituír o pontón peonil preexistente na zona”.

 

Agora este pontón é substituído por unha ponte de moita máis dimensión tanto en lonxitude como en anchura que, ademais, supuxo xa o destrozo do muro perimetral que acolle o adro da propia igrexa.

 

Lembra Albert que a lei 5/2016, do 4 de Maio, do Patrimonio Cultural de Galiza, ten por obxectivo fundamental a protección do noso patrimonio; principio básico que este “Proxecto de Acondicionamento e Mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños na Veiga” non semella cumprir.

 

Este proxecto nace dun convenio a tres bandas entre Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Deputación de Ourense e Concello da Veiga no que cada unha das tres administracións asume uns compromisos e obrigas nos pagamentos e execución dos distintos tramos do devandito proxecto.

 

Varias cousas chaman a atención no proxecto de obra, principiando porque o estudo de avaliación ambiental estima máis lesivo e custoso para o medio o arranxo das pontes e pontóns hoxe existentes que a construción doutros novos, con novos trazados e máis lesivos para a contorna como resultan a simple vista as solucións finais adoptadas.

 

Así as actuacións definitivas consisten na realización de 4 obras que afectan a distintos elementos patrimoniais -até un total de 10 incluíndo edificios relixiosos, núcleos de interese etnográfico, castros, mámoas e rectorais:

 

1. Xacemento arqueolóxico “A eirexa” (GA32083021): xacemento relacionado cun lugar de culto medieval con grao de protección integral e cautela G-II (o máis afectado polas actuacións).

2. Xacemento arqueolóxico “O lombeiro de pena Escrita (GA32083022): con agrao de protección integral e cautela G-III

3. Xacemento arqueolóxico “O castro” (GA32083023): con grao de protección integral e cautela G-III

4. Igrexa de Xares. (ficha 51), con protección integral

5. Rectoral de Xares (ficha 52) con grao de protección non definido.

6. Núcleo de Xares (ficha 53) con protección non integral

7. Igrexa de Santa María Magdalena en Ponte (ficha 29) con protección integral.

8. Rectoral de Ponte (ficha 30) con protección non integral

9. Casa dos Barqueiros (ficha 31) con protección integral

10. Núcleo da Ponte (ficha 32) con protección non integral.

 

De todos eles o máis afectado sen dúbida é o xacemento arqueolóxico da “Eirexa” en cuxa contorna se teñen atopado pedazos de cerámica medieval e restos de tellas da mesma épica e que conserva nun dos seus muros unha inscrición facendo referencia á fundación da primitiva igrexa en 1160.

Todas as alarmas saltaron co inicio destas obras depois de que a primeira empresa adxudicataria renunciase ás mesmas por imposibilidade técnica de levalas a cabo e se fixese un modificado que derivou nunha nova licitación.

 

Na contorna desa igrexa a empresa adxudicataria da obra levantou uns piares de formigón e unha estrutura do mesmo material para dar corpo a unha ponte que substituirá e ampliará de xeito considerábel o pontón existente até este momento até desembocar directamente no adro do templo co evidente impacto patrimonial que isto supón.

 

De forma complementar os núcleos afectados inclúense dentro do catálogo da Rede Natura 2000 incluíndo especificamente unha Zona de Especial Conservación (ZEC) así como dunha Zona de Especial Protección para as Aves (ZEPA), o que invitaría a ser o máis cautelosos e rigorosos posíbel nun proxecto da envergadura e o impacto do que aquí nos ocupa.

 

Neste sentido os nacionalistas reclaman á Xunta de Galiza que tome as medidas pertinentes para que as obras de execución do “proxecto de acondicionamento e mellora da conectividade das marxes do río Xares ao seu paso polos núcleos de Xares, Ponte e Baños na Veiga” se axusten á lexislación vixente en materia patrimonial e ambiental, en caso de non ser así, impoñer as sancións pertinentes.

O BNG pregunta no Parlamento pola nova ponte en Xares