FAI XA VARIOS DÍAS QUE OS CENTROS DE SAÚDE NON DISPOÑEN DE VACINAS CONTRA A GRIPE

O BNG DENUNCIA A PRECARIEDADE DA ATENCIÓN PRIMARIA NA COMARCA

centrosaude
Centro de Saúde do Barco
O Consello Comarcal do Bloque Nacionalista Galego de Valdeorras acusa á Consellaría de Sanidade de manter nunha situación de precariedade insoportábel a rede de centros de Atención Primaria en Valdeorras. Sinalan desde as filas nacionalistas que o SERGAS non está a dotar dos medios humanos e materiais precisos para manter unha atención primaria digna.
O BNG DENUNCIA A PRECARIEDADE DA ATENCIÓN PRIMARIA NA COMARCA

Pregúntanse desde o BNG que está a facer a Consellaría para atender as doenzas comúns da cidadanía nesta época COVID. Porque todo parece reducirse a sobrecargar de traballo aos centros de atención primaria e a negar á poboación o dereito ao acceso a unha atención presencial en condicións.

 

Falan os nacionalistas da “situación escandalosa” que está a ter lugar na campaña de vacinación contra a gripe. Cunha campaña promocional por parte da Xunta de Galiza que asegura estender máis que nunca a súa aplicación mentres na comarca levan días sen vacinas e tendo que anular citas porque non dispoñen das doses necesarias mentres que o conselleiro “segue sen confirmar se haberá vacinas para todo o mundo”.

 

Os centros de saúde de Valdeorras sobreviven nos últimos meses con escaseza de medios e persoal”, con baixas que non se cobren e polo tanto con cadros de persoal mermados que están atendendo a un número inasumíbel de pacientes; moitas veces ademais de xeito telefónico, coas evidentes carencias de diagnóstico e atención que iso supón.

 

Esta non presencialidade, con teléfonos non atendidos... “desembocan en profesionais desbordados, que asumen xornadas de traballo maratonianas mentres soportan inxustamente as queixas lícitas e xustas (estas si) dunha poboación frustrada polas dificultades de acceder á unha asistencia básica cando a única responsábel da situación é a Consellaría”, din desde o órgano comarcal do BNG.

 

Pero é que, ademais, esta falta de medios e persoal vese agravada polo feito de que os profesionais dos Centros de Saúde teñan que facer ao seu tempo labores de seguimento e rastrexo dos casos de COVID na comarca; “unha labor que ten un altísimo compoñente administrativo” e que supón unha nova sobrecarga á un cadro de persoal xa saturado.

 

Os nacionalistas reclaman que se cubran as baixas de persoal e se garanta unha atención primaria digna en Valdeorras e que “o Partido Popular deixe de aproveitar a crise COVID para seguir desmantelando a sanidade pública nun momento de especial necesidade”.

O BNG DENUNCIA A PRECARIEDADE DA ATENCIÓN PRIMARIA NA COMARCA