LISTAS DE ESPERA SERGAS (2)

O DISTRITO SANITARIO DE VALDEORRAS E A SÚA ATENCIÓN SANITARIA PÚBLICA (4)

Montse Prado. Deputada do BNG no parlamento galego, denuncia en marzo do 2016 a manipulación do Sergas nas listas de espera. Durante a sesión plenaria do dia 16 de marzo o BNG interpelou ao conselleiro sobre as verdadeiras listas de espera e derivación de doentes da Seguridade social a centros sanitarios privados, cuestión que o conselleiro declina responder

* Como acadou o BNG os datos reais das listas de espera?

* Como chegan a mans de militantes ou representantes do BNG este tipo de datos?

Imos falar de novo de listas de espera, e esta vez con DATOS REAIS DAS LISTAS DE ESPERA DA EOXI DE OURENSE, VERÍN E O BARCO DE VALDEORRAS, a día 29 de febreiro de 2016.

Lembrade que os datos oficiais que se daban cara ao público en decembro de 2015 para a nosa EOXI (hoxe Área Sanitaria) eran dun total de 3215 pacientes cun tempo medio de espera (TEM) de 43 días. Pois ben, en febreiro do 2016 o BNG accede ás listas de espera reais da nosa EOXI e pode demostrar que os pacientes en lista de espera non eran un total de 3215 senón que eran 7859, e que o tempo de espera media non era de 43 días senón de 153,62 días.

O BNG demostrou publicamente en febreiro de 2016 a falsificación e manipulación de datos nas lista oficiais de espera. Mais para a nosa desgraza como pobo, esa noticia nin foi publicada nos medios de comunicación (xornais en papel ou dixitais), pese a debaterse o asunto no Parlamento e ser dado a coñecer en roldas de prensa, o control da prensa polo Partido Popular e o goberno da Xunta encargáronse de que tal cousa non sucedese.

Normalmente estes datos chegan ás nosas mans por tres motivos: ou ben un profesional responsable e decente non asume o papel de cómplice e fíltranos os datos para que intentemos arranxar a situación, ou ben é froito de loitas de poder no seno da administración peperizada da sanidade, é dicir, filtran os datos para atacar a un rival buscando a súa caída, e a terceira posibilidade e atopalos nunha papeleira e saber que son (por certo eses datos chegaron primeiramente ás miñas mans, e a través de Manuel Agra ás de Montse Prado. Pasou xa bastante tempo como para que non poidan seguir a pista da súa orixe na busca de vinganzas así que damos datos e algúns nomes, pese a todo moi poucos, por se acaso, se queren máis vémonos nos tribunais e aireamos o asunto.)

Pero como se chega a ter unhas cifras tan dispares?, como é posible que as cifras reais coñecidas e usadas polos xestores do Sergas e as cifras publicadas non se parezan en nada? Chégase a dar esta situación de anacronismos e disparidade absoluta cando a realidade é tan mala, tan inadmisible, que se comezan a facer “trampas” e usar eufemismos para ocultala. Como o mellor é coller uns datos e diseccionalos imos poñer un gráfico real e analizalo, non sen antes explicar que hai 2 tipos de listas de espera: Listas de espera estruturais (das que dan datos) e listas de espera non estruturais (das que nunca dan datos e usan como verdadeiros almacéns de pacientes, por non dicir vertedoiros de pacientes), esta lista de espera non estrutural está conformada por varios encadres de pacientes: os que están no que chaman Espera médica, os pacientes que pospuxeron a súa intervención de xeito voluntario, os pacientes pendentes de enviar a un centro concertado, e os pacientes que rexeitaron a intervención nun centro concertado.

Lembrade as cifras anteriores de febreiro do 2016:

Deron datos ao público de 3215 pacientes en lista estrutural cun TEM de 43 dias

Agocharon datos ao público de 4644 pacientes cun TEM aproximado de 153.62 dias.

Imos ver datos:

Iso é unha parte das listas de espera reais (sei que non se ve moi ben, pero é a modo explicativo, e para demostrar que as temos e as gardamos como ouro en pano). É un recorte da páxina 8 para non dispersar a atención en demasía.

Como vedes no recadro superior pon que a situación é a día 29/02/2016, logo hai datos borrados por min ( son datos de data e hora da impresión e o código do profesional, o que daría lugar a que o identificaran ); e logo entramos nun cadro onde están servizos clínicos (neste anaco hai parte de traumatoloxía, oncoloxía médica, e uroloxía. Traumatoloxía ten unha anotación a bolígrafo para saber que é, porque vén da páxina anterior)

E imos pouco a pouco: como vedes os períodos de espera están divididos por quincenas logo meses, logo de seis meses a un ano e logo os que esperan máis dun ano.

Se vos fixades en traumatoloxía e uroloxía, todos teñen pacientes en situación de espera por “rechazo” a centro concertado: iso loxicamente quere dicir que rexeitaron o irse operar a un centro privado e preferiron esperar para que os operaran na pública, é dicir no seu hospital. O que pasa é que os pobres pacientes non sabían que rexeitando iso pasaban a saír da lista de espera estrutural e nunca máis se darían datos deles: xa non existen na estatística oficial e pública, están xa no limbo dos xustos. Por iso traumatoloxía ten 204 pacientes que levan esperando entre 6 meses e 1 ano, e 527 pacientes que levaban esperando máis dun ano; e o que lles queda: porque se vos fixades en uroloxía veredes que ten 3 pacientes que levan esperando máis dun ano a ser chamados, e ten unha demora máxima de 2218 días, é dicir : o paciente que máis leva esperando xa leva máis de 6 anos esperando a que o chamen para operar.

Déstesvos conta do cruel do asunto e das posibilidades de perversión que ten?: Se non aceptas ir a unha clínica privada ( que a saber quen ten parte nela) saes da lista estrutural e castígaseche a unha espera eterna, porque non é que salten a túa vez e estean esperando a ter un oco no teu hospital, non, nunca te van chamar do teu hospital, e operarán a xente con menos tempo de espera ca ti, porque ti es un insubmiso ao sistema...salvo que protestes moito claro está.

Déstesvos conta de que o Sergas ( os xestores do Sergas) daban a decembro do 2015 para a nosa EOXI cero pacientes esperando máis de 6 meses, e que xa só neses poucos datos que temos dese recorte que vos puxen teriamos 894 pacientes esperando máis de 6 meses, e deles 569 esperando máis dun ano, e un deles leva esperando máis de 6 anos?

Imos facer unhas táboas comparativas entre as cifras oficiais e as reais da nosa EOXI para ese período de decembro de 2015 -febreiro de 2016 diferenciado para pacientes por meses, total de pacientes e tempo de espera media

 

0-3 m

3-6m

6-12m

> de 12 m

Total

TEM

Datos oficiais lista estrutural

2909

306

--------

---------------

3215

43

Datos reais

4356

1856

844

803

7859

153,62

 

Se isto non é para pedir o cese inmediato de toda a cúpula do Sergas que veña deus e o vexa !!! E se pensades que minto tedes os xulgados ben cerca.

E como temos que ir rematando coas listas de espera e só nos queda un folio máis imos poñer exemplos e vós sacades conclusións. Imaxinade que un ser imaxinario ao que chamaremos Albertito Malasmañas decide “limpar” a lista de espera porque xa non a pode explicar sen que nos demos conta de que está a desfacer a sanidade pública, que faría:

Malamañada 1: Chamar a xente con patoloxías non letais inminentes, ou sexa das que non vas morrer para xa, e ofertarlles operarse nunha privada doutra provincia. Loxicamente unha boa porcentaxe preferirá esperar e operarse no seu hospital pensando no trastorno para a familia, nos custos de hotel e cousas desas que acontecen cando marchas do teu entorno... e listo xa: eses saen do listado de espera estrutural e entran no listado de espera non estrutural do que nunca se dan datos (e chamaremos o vertedoiro)

Malamañada 2: Pois, resulta que algúns deses, cabritos eles, van e aceptan; pois dá igual: tamén os metemos no vertedoiro co epígrafe de Traslado a centro concertado. Mirar o listado real arriba e veredes como existen pacientes así no servizo de TRAY-TRAUMATOLOXÍA. Xa non esperan na nosa lista de espera, esperan na do centro concertado e eses datos non os dá Albertito Malasmañas

Malamañada 3: Collemos un listado de xente con problemas menores ou medianos e chamámolos para operar en datas sinaladas, por exemplo : collemos unha avoa e chamámola para operar dun xoanete a tarde de noiteboa, e a avoa que leva un ano esperando por xuntar a familia pregunta se non se pode atrasar a intervención, e Albertito Malasmañas dille: si muller, xa a avisamos nós; e métea no vertedoiro co epígrafe: posposta polo paciente. Outras veces de verdade o paciente chama para pospoñela

Malamañada 4 : Albertito sabe que se un paciente programado para operar precisa antes que o vexa un médico doutra especialidade (por exemplo que un paciente para operar de cadeira precisa que antes o vexa o cardiólogo), como non é de recibo que a espera de cardioloxía se lle compute a traumatoloxía, ese paciente sae das listas de espera e entra nunha vertedoiro co epígrafe de espera médica (ver listado arriba). Se ben é certo que ao saír sae con toda a espera conxunta computada, se sae desa lista para operarse en 4 ou 5 días seguramente nunca será computada a súa espera porque unha vez operado desaparecerá das lisas como é lóxico. A cuestión desta malamañada é que o paciente realmente ao mellor nin sequera ten un prexuízo porque se opera na data que ía operase e cousas así, só desaparece do cómputo de listas de espera e tempos medios.

Ben, temos que rematar dicindo que non todo son malas mañas nin moito menos: ás veces ofértase un concertado por non ter outra posibilidade para acadar un tempo de resposta terapéutica correcto, ou intervense na tarde de Noiteboa para aproveitar o tempo por andar mal de listas de espera. E hai moitos pacientes de verdade en espera médica real.

PERO:

As listas non estruturais existen e podémolo demostrar e xa o fixemos no seu tempo. O rexeitamento a operarse nun centro concertado É CASTIGADO co esquecemento. As malasmañas existen, pero iso non o podo demostrar, se queredes crédesme e se non pois non. A publicación das listas de espera é unha arma de confusión masiva

Como vedes saltámonos o opinar da espera dun paciente programable en oncoloxía médica. Mellor ímolo deixar.

E rematamos as listas de espera, cando dean as próximas oficiais comentámolas. E a próxima semana volve a ciencia: falaremos da confección do Plan de Saúde de Galiza.

Deica o martes.