O BNG logra o apoio unánime do pleno do Barco para esixir a reparación integral da N-120

pleno_xunho

05/06/2025 Aprobada por unanimidade a moción para demandar obras de reparación da N-120

No pleno ordinario do mes de xuño, o BNG do Barco, a través do voceiro municipal Manuel Agra, conseguiu que toda a Corporación municipal aprobase por unanimidade a nosa moción para demandar do Ministerio de Transportes a execución inmediata e integral das obras de reparación da N-120 nas provincias de Lugo e Ourense, así como o desdobramento da vía onde sexa posible. Unha demanda histórica para garantir a seguridade viaria e a vertebración do interior galego.

Tamén se aprobou por unanimidade outra moción do PP sobre a estación da Gudiña Porta de Galiza, relativa á defensa dos servizos de tren de alta velocidade, melloras nas infraestruturas e aplicación de descontos, que contou co respaldo do BNG. O concelleiro Xavier Rocha destacou que o BNG xa leva presentadas varias mocións sobre o ferrocarril nos pasados meses.

Pola contra, o BNG optou pola abstención ante unha proposta do PP para reducir o ICIO no solo de núcleo rural, ao considerala pouco xusta e sen garantías de beneficiar realmente á veciñanza.

Finalmente, o BNG non apoiou o Plan Económico Financeiro 2025-2026 presentado polo goberno local do PSOE, ao entender que non recolle medidas suficientes para unha xestión económica máis social, transparente e centrada nas necesidades reais da cidadanía.

Desde o BNG seguiremos traballando en defensa dos intereses do Barco e da comarca, esixindo investimentos públicos, servizos dignos e un modelo de desenvolvemento sustentable para o noso territorio.

O pleno de xuño en Youtube https://www.youtube.com/live/fPFq_VwYNiw?si=dW2-RTQ-Z8dDBVX5