Máis de 4500 persoas según a policía local

O Barco énchese para defender unha sanidade pública digna en Valdeorras

mani-barco-sanidade-2

22/11/2025

Milleiros de veciños e veciñas mobilizáronse este sábado no Barco nunha das maiores manifestacións dos últimos anos para esixir unha sanidade pública digna e denunciar o grave deterioro da Atención Primaria e do Hospital Público de Valdeorras.

A convocatoria, impulsada pola Plataforma Sanitaria de Valdeorras, puxo de manifesto unha situación que cualifican de insostíbel: consultas saturadas, falta crónica de profesionais, ausencia de substitucións, servizos interrompidos e perda de especialidades no hospital comarcal. Desde a plataforma denuncian un “desmantelamento premeditado” do distrito sanitario.

Un dos casos máis graves é a falta de Pneumoloxía, especialmente preocupante nunha comarca cunha alta incidencia de silicose. Lembran tamén a desaparición dos pediatras na Atención Primaria, convertida xa en situación permanente malia prometerse como temporal.

Ao deterioro súmase a insuficiencia de medios básicos: só unha incubadora —avariada recentemente— e a ausencia dunha UCI móbil avanzada, obrigando a traslados de urxencia a máis de hora e media de distancia en condicións que consideran inaceptábeis.

Pola súa banda, a Consellaría de Sanidade defendeu que o hospital vive o seu momento “máis estábel”, con 85% das prazas médicas en propiedade, e atribuíu os problemas á escaseza xeral de profesionais. A plataforma e a cidadanía mobilizada rebaten esa visión, sinalando que o traballo en rede con Ourense na práctica implica servizos intermitentes e falta de atención continuada.

A mobilización deste 22 de novembro evidencia que Valdeorras non renuncia a unha sanidade pública de calidade e continuará esixindo os recursos e servizos que lle corresponden.