Mellor local, mellor galego

O BNG de Valdeorras presenta a súa campaña de apoio ao comercio local e de proximidade

Presentación da campaña

* O Bloque Nacionalista Galego da comarca vén de apresentar en rolda de prensa a súa campaña de apoio á produción e o comercio locais

* Na presentación aos medios estiveron presentes o responsábel comarcal, Roberto Quiroga, o portavoz local do Barco, Suso Vilasánchez, e a parlamentaria Maria González Albert

A presentación fai parte dunha intensa campaña nacional na que desde o BNG se pretende facer unha defensa directa do comercio de proximidade e dos produtos galegos. O contexto da pandemia COVID-19 que estamos a padecer está a agravar a situación crítica que xa viña aturando o sector do pequeno comercio galego, ou de proximidade, ameazando a viabilidade de numerosos estabelecementos e de milleiros de postos de traballo

Ao tempo, puxo en evidencia a necesidade de rematarmos coa dependencia que sofre Galiza tamén no referente ao abastecemento básico de alimentos.

"Resulta aberrante que nunha comarca como a nosa, que produce alimentos de extraordinaria calidade, as principais vías de comercialización opten por produto foráneao", sinalaba Albert.

Así desde o BNG faise unha aposta decidida polo sector primario e as súas industrias de transformación derivadas, entendendo que o consumo de produtos galegos debe ser unha prioridade na política económica, de comercialización e mesmo de comunicación da Xunta de Galiza.

No que ten a ver con Valdeorras, lembran os nacionalistas que contamos cunha produción de moitísima calidade no que ten a ver con viños, castaña, produtos de horta e carnes de bovino, ovino e cabrún principalmente.

Tendo isto en conta, e de xeito complementar, o BNG anima a potencer feiras e mercados, a consumir produtos locais e a facelo no comercio de proximidade, sector básico da nosa economía. "Se para algo ten de servir esta pandemia é para valorizar á volta á orixe, tamén na alimentación, como elemento positivo e máis san".

No BNG levamos tempo alertando da imposición, por parte do goberno do PP, dun modelo de consumo ao servizo das grandes superficies comerciais de capital foráneo, que nos empobrece. Así, "apoiar o comercio de proximidade é unha das mellores maneiras de xerar riqueza para Galiza, de humanizar as nosas vilas e concellos e de impedir a súa desertización"

O responsábel comarcal do BNG, Roberto Quiroga, destacou que nestes días iniciarán unha rolda de contactos cas asociacións empresariais e comerciais da comarca para dar a coñecer a campaña.