O BNG reclama a paralización dos recortes de profesorado e o mantemento de aulas no ceip de Vilamartín

CEIP Xosé Manuel Folla Respino
Maria Albert: "O PP ten que cesar esta política de exterminación do rural"

A deputada do BNG no Parlamento galego, Maria Albert, vén de rexistrar un conxunto de iniciativas ante a problemática surxida no C.E.I.P. Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín de Valdeorras tras a decisión da Consellaría de Cultura, Ensino e Universidades de eliminar todo o profesorado especialista do centro condenando así ao único colexio público da localidade a reducir drasticamente os grupos de ensino para o curso 21/22.

 

Así, ademais de varias preguntas dirixidas ao goberno da Xunta, a deputada valdeorresa insta á Xunta de Galiza a exeitar a proposta do servizo de Inspección de suprimir as especialidades de profesorado no CEIP Xosé Manuel Folla Respino de Vilamartín de Valdeorras; manter a actual estrutura do CEIP Xosé Manuel Folla Respino cunha unidade de infantil e 3 unidades de Primariae modificar o actual sistema de ratios para bonificar aos centros do rural de Galiza pola función estabilizadora de poboación nas súas respectivas localidades

 

Albert destaca nas súas iniciativas que este ataque frontal ao centro educativo de Vilamartín de Valdeorras fai parte dunha “estratexia planificada de desmantelamento do ensino público no rural galego” no que a Xunta de Galiza usa como único criterio de mantemento de aulas e profesionais as ratios de alumnado co consecuente “menoscabo da calidade da educación nas zonas máis despoboadas do país”.

 

Sinala a política nacionalista que a decisión da Consellaría está a provocar un enorme malestar dentro da comunidade educativa e do conxunto da cidadanía de Vilamartín de Valdeorras. Para Albert esta decisión “deixa ás claras de novo o desprezo do Partido Popular cara calquera tipo de diálogo coa comunidade educativa e a propia supervivencia do rural neste país”.

 

Desde o BNG lembran que esta decisión só serve para “afondar” no xa “triste” balanzo destes anos de Goberno de Alberto Núñez Feijoo no que atinxe ao ensino galego; sumando récords de recortes en aulas, escolas e profesorado eliminado; empobrecendo inexorabelmente o sistema educativo deste país e nomeadamente o do medio rural.

 

Maria Albert ve con “indignación este ataque frontal ao CEIP Manuel Folla Respino de Vilamartín; ataque que resulta inaceptábel para as familias usuarias do centro e que non oferta máis posibilidades ao concello de Vilamartín que avanzar a pasos axigantados cara o despoboamento e o abandono”.