O BNG pedirá no congreso explicacións polo colapso da presa de valencia do sil
Reclamamos ao Estado unha investigación oficial do estado das instalacións e á Xunta de Galiza un estudo en profundidade dos danos causados á fauna
O deputado Néstor Rego preguntará no Congreso dos Deputados polas circunstancias que rodean ao feito de que na xornada de onte, rondando as 20:30 horas, rebentase a comporta central da presa de Santiago, situada na localidade de Valencia do Sil (Vilamartín de Valdeorras). Ao tempo, a deputada valdeorresa no Parlamento de Galiza María Albert inquerirá á Consellaría de Medio Ambiente sobre as afectacións deste feito na fauna e nos hábitats do río Sil.
Desde o Bloque Nacionalista Galego na comarca de Valdeorras incídese na gravidade dun feito destas características e no impacto que podía ter no caso de que o accidente se producise noutra franxa horaria con xente pescando ou realizando outras actividades nas proximidades da presa.
Nese sentido a deputada galega e portavoz municipal do BNG no Concello da Rúa destaca que “é preceptivo” que, máis aló da investigación que de oficio leve a propia empresa, “as institucións públicas con competencias na materia realicen unha investigación independente analizando, entre outras cousas, se había problemas previos que levaran a que a presa cedese, cales eran as medidas preventivas e de continxencia que tomou a empresa e que impacto tivo o feito concreto sobre o río Sil e sobre a fauna que nel habita e aniña”.
En todo caso, destaca Albert “resulta evidente que se produciu un problema grave e polo tanto as medidas preventivas e de control en vigor manifestáronse insuficientes e polo tanto han de ser modificadas”.
Desde o BNG destacan que foi unha “sorte” que este estourido se dese na presa de Santiago, que polas súas características de clase e capacidade ten un impacto “limitado” pero amósanse “preocupados” pola incerteza que se produce de que unha situación similar puidese acontecer nunha presa de maior capacidade como a do Bao (xestionada pola mesma empresa e que xa deu un susto non vai moito, en 2018).
Noutro ámbito desde o BNG preguntarase tamén polas consecuencias que esta perda dramática de auga que chegou a baleirar todo o embalse puido ter sobre a fauna que habita e aniña nese tramo do río. “Un problema non menor para o hábitat dun río tan atacado e intervido pola acción humana como é o río Sil”, destacou Albert.
É importante lembrar que Iberdrola vén de anunciar hoxe mesmo un récord histórico de ganancias para a empresa de 3.885 millóns de € (un 8% máis que o ano pasado que xa fora un dato histórico para a compañía). Ao tempo que se dan eses datos a eléctrica acaba de pechar o Centro de Operacións de Control na Rúa levando da comarca os empregos cualificados e de calidade que tiña aquí. “O mínimo esperábel é que xa que se benefician dos nosos recursos naturais polo menos teñamos garantías de que se inviste o suficiente en mantemento e seguridade para que non se dean situacións deste tipo”.
Por último, e máis en clave municipal, desde o BNG considérase moi “preocupante” o comunicado feito polo Concello da Rúa restando importancia a un feito “desta gravidade” e “dando directamente por boas as explicacións da empresa cando é deber do Concello poñerse do lado da súa veciñanza e reclamar que se tomen todas as medidas necesarias para que unha situación destas características non se volvan producir”.