O BNG LEVA Á VALEDORÍA DO POBO A OCULTACIÓN DO CONTRATO DE XESTIÓN DAS PISCINAS MUNICIPAIS DA RÚA
- O BNG exixe ao alcalde da Rúa, Álvaro Fernández, que cese no incumprimento reiterado da lei e facilite toda a documentación solicitada por vía regulamenataria
- Maria Albert anuncia tamén a presentación dunha reclamación na Valedoría do Pobo
O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego no Concello da Rúa, da man do seu concellal Avelino Fernández Seco, acudiu o martes 20 de setembro á Casa do Concello para reclamar toda a documentación que o grupo ten solicitado ao longo dos meses e que de xeito reiterado o grupo de goberno non facilita, negando así a toda a cidadanía da Rúa o seu lexítimo dereito de control da legalidade da acción de goberno.
Ante a súa reclamación, Fernández Seco atopouse coa inexistencia da documentación solicitada vía rexistro o pasado 11 de xullo, vai xa máis de dous meses, e que neste momento aínda non foi entregada ao BNG.
Neste sentido a portavoz municipal dos nacionalistas, Maria Albert, lembrou que a Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, recolle no seu artigo 77 o dereito de todos os membros das corporacións locais a “obter do Alcalde ou Presidente ou da Comisión de Goberno cantos antecedentes, datos ou informacións obren no poder dos servizos da Corporación e que resulten precisos para o desenvolvemento da súa función”. Ese mesmo artigo estipula un prazo de resolución motivada para o exercicio dese dereito de “cinco días naturais seguintes a aquel no que se teña presentado”.
Vista a situación de “indefensión absoluta” dos representantes da cidadanía no Concello da Rúa o BNG quere denunciar unha vez máis a “patrimonialización do Concello por parte do alcalde, o incumprimento sistemático da lei e o seu desprezo máis absoluto pola vontade democrática do pobo da Rúa”.
Entre a documentación que a alcaldía se nega a facilitar ao Bloque Nacionalista Galego se atopa:
- Copia do contrato de explotación das piscinas municipais da Rúa no caso de existiren e, no caso de non habelo, e de que se estea a levar a cabo unha xestión directa por parte do Concello, se nos faciliten en todo caso:
- Contratos dxs socorristas destinadxs ás piscinas municipais.
- Contrato de explotación do bar anexo así como contrato de explotación da caseta situada na parte superior.
- Informe xustificante de por que se estiveron a utilizar as tarxetas de Bono de anos anteriores nas que aparecía o logotipo da anterior empresa adxudicataria
Ao tempo, e ante as reiteradas denuncias dos usuarios ao longo da campaña de verán polo mal estado das instalacións e, sobre todo, a mala calidade e falta de limpeza das augas dos tres vasos existentes nas piscinas municipais, María Albert lembrou que o seu grupo tivo que reclamar vía Parlamento de Galiza todas as analíticas realizadas ao longo do escaso mes e medio que permaneceron abertas as intalacións para garantir que se cumpriron os criterios de salubridade obrigatorios segundo a normativa en vigor.
Albert subliñou que “o feito de que o alcalde negue este acceso a información básica xera moitas dúbidas de que todo se teña feito segundo criterios de legalidade e en bos termos para o Concello da Rúa” e, ao tempo, reclama ao alcalde que “cese no incumprimento reiterado da lei e entregue ao BNG toda a documentación que ten reclamado por vía regulamentaria”.
Neste sentido destacan os nacionalistas que esta ocultación de información ten sido práctica habitual do grupo de goberno desde o comezo do mandato e que a día de hoxe hai máis de 5 solicitudes sen respostar por parte dos servizos municipais relativas a documentación fiscal, contratos, obras...
A portavoz do Bloque Nacionalista Galego lamentou que o seu grupo tivese que reiterar, máis dun ano despois de facela pública, a súa denuncia da “absoluta falta de respecto do alcalde popular, Álvaro Fernández, ás mínimas normas democráticas esixíbeis a calquera institución pública” xa que iso implica que en todo este tempo nada avanzou o PP no seu coñecemento e cumprimento da lei.
A información sobre o “desastre de xestión das piscinas municipais” foi reclamada tamén durante o Pleno Ordinario deste mes de setembro onde se incluíron tamén cuestións relativas ao tempo de apertura da instalación, ao custe abusivo dos bonos, aos problemas de limpeza e outras cuestións sen obter tampouco máis que “evasivas” por parte da alcaldía.
Visto todo o anterior Maria Albert anunciou que na próxima semana o BNG presentará todas estas e outras queixas relativas ao funcionamento do Concello da Rúa na Valedoría do Pobo para que, cando menos “o grupo de goberno teña a obriga de recompilar ou incluso crear unha documentación que moito nos tememos inexistente”.
Por último, a voceira nacionalista manifestou o seu desexo de que “este mandato remate canto antes e que coas próximas eleccións municipais poidamos lembralo en pasado como o que está a ser: un período negro na historia democrática do Concello da Rúa”.