O BNG presentou alegacións aos proxectos así como mocións en todos os concellos da comarca

O BNG alerta contra a invasión eólica en valdeorras con proxectos que suman até 840 mw

María Albert explica a situación dos PE

* A formación nacionalista destaca que o desenvolvemento das enerxías renovábeis ten de estar baseado nun novo modelo respectuoso co territorio, excluíndo as zonas de alto valor ambiental e adaptado ás necesidades enerxéticas do país

A deputada do BNG María Albert presentou hoxe acompañada do responsábel comarcal da organización en Valdeorras, Roberto Quiroga, e os concellais Avelino Fernández e Suso Vilasánchez, a postura da formación nacionalista en relación aos 10 proxectos eólicos que se están a tramitar neste momento entre a Xunta de Galiza e o Goberno Central e que afectan directamente á comarca valdeorresa.

 

Albert criticou a “invasión eólica” á que as distintas administracións pretenden someter á comarca a través de diversos megaproxectos que suman até 117 aeroxeneradores e 16 torres meteorolóxica para unha potencia total de 840 Mw cuadriplicando nun só ano a potencia total hoxe instalada en toda a provincia de Ourense.

 

A deputada nacionalista criticou a fragmentación de proxectos para evitar trámites e garantías ambientais e nese sentido destacou o megaproxecto da norueguesa Statkraft (que instalará 445 Mw nos parques de Prada, Barxas e Rebordechao) e o da española Avintia (que cos parques de Xeada, Neboada, Treboada, Orballeira e Ventumelo instalará 60 muíños para 250 Mw).

 

Desde o BNG destacaron o importantísimo impacto ambiental de todos estes proxectos (sumados ao de Cernego e ao publicado no BOE da pasada semana de Alto Cabrera de 124 Mw para 29 aeroxeneradores). Os proxectos, que inzarán Valdeorras de torres de até 200metros e de até 4 novas liñas de alta tensión, supoñen ao tempo afeccións sobre o terreo, o patrimonio, espazos protexidos como os ZEC Trevinca e Ancares-Courel, o Camiño de Santiago, a zona de amortiguamento da Ribeira Sacra, diversos elementos arqueolóxicos e patrimoniais, varias especies de animais en perigo de extinción e distintos humidais, mananciais e cursos de auga.

 

Pola súa parte Roberto Quiroga destacou que o BNG está a manter xuntanzas con distintos axentes sociais e afectados polos eólicos e que iniciará unha xornadas formativas e informativas para tratar o tema en profundidade. Ao tempo, lamentou que a falta da “mancomunidade de concellos impida que exista unha postura común de Valdeorras fronte a esta agresión”.

 

Para rematar Maria Albert destacou que “O BNG é unha forza política seria que defende o uso das renovábeis e a progresiva descarbonización pero a través dun modelo respectuoso co medio ambiente, adaptado ás necesidades enerxéticas e con ferramentas de retorno económico e social”.

 

Sinalou tamén que xs nacionalistas teñen presentado no Parlamento distintas iniciativas reclamando un novo plan sectorial eólico “que exclúa realmente as zonas de alto valor ambiental e garanta a participación pública nos beneficios do sector”.

 

A deputada nacionalista subliñou que a día de hoxe Galiza xa produce máis do doble de enerxías renovábeis das recomendacións da UE para 2030 e cuestionou que un país excedentario en enerxía teña que levar a cabo un modelo tan explosivo de desenvolvemento eólico”.