Ana Pontón reclama máis axudas e un cambio de modelo tras a vaga de lumes

Ana Pontón visita Valdeorras para preocuparse pola situación dos incendios

Ana-Ponton-valdeorras-de-cerca

4/09/2025 Ana Pontón cualificou de insuficientes as axudas da Xunta tras os lumes e propuxo melloralas, incluíndo apoio a vivendas, autónomos e cooperativas. Reclamou un cambio de modelo forestal e responsabilidades ao Goberno do PP pola súa xestión neglixente.

 

INFORME DE AVALIACIÓN DA VAGA DE LUMES E DE REFORMAS INAPRAZÁBEIS DA POLÍTICA FORESTAL E DE PREVENCIÓN DO BNG

 

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou Valdeorras para avaliar os danos da vaga de lumes de agosto e reuniuse con representantes de sectores afectados, entre eles o vitivinícola. Pontón cualificou de insuficientes as axudas aprobadas pola Xunta e propuxo melloralas: até 200.000 euros para vivendas, unha nova liña de 6.000 euros para autónomos e cooperativas e que se inclúa tamén o lucro cesante.

Defendeu que ningunha explotación nin actividade económica debe quedar paralizada e apelou a que esta traxedia sexa un punto de inflexión para apostar por un novo modelo forestal que protexa o territorio, fronte ás políticas do PP. Propuxo tamén incrementar a 100 metros as franxas de seguridade arredor das aldeas, cun fondo extraordinario da Xunta para garantir a súa aplicación real.

Pontón lembrou que xa en 2017 os expertos reclamaran reforzar con máis medios a provincia de Ourense, advertindo de que a Xunta non fixo o seu traballo e mantivo un dispositivo moi por debaixo do recomendado. Denunciou así a xestión neglixente do Executivo de Rueda, que estivo “desbordado e sobrepasado”, e puxo como exemplo a desatención da Xunta no incendio do vertedoiro da Rúa, que mesmo xerou riscos para a saúde pública.

Así mesmo, Pontón avanzou que o BNG esixirá que a Xunta achegue recursos para clausurar e dar solución definitiva ao vertedoiro, ademais de reclamar responsabilidades pola súa deixadez e pola falta de medidas que protexan a poboación e o territorio fronte aos lumes.