A situación pola COVID impedíu homenaxealo como merece

O BNG de Valdeorras reclama alongar o Día das Letras a Carvalho Calero a 2021

Os grupos municipais do Bloque Nacionalista Galego nos Concellos do Barco de Valdeorras e da Rúa presentaron nos seus respectivos Rexistros municipais unha moción para o seu debate en Pleno na que reclaman que a corporación municipal se posicione ante a Xunta de Galiza para reclamar o alongamento do Día das Letras 2020 a Carvalho Calero a 2021.

 

Unha das efemérides culturais anuais de gran calado e recoñecemento social é a celebración do Día das Letras Galegas o 17 de maio; quer na súa vertente institucional celebrada o propio día, quer na progresiva programación da actividade sociocultural vinculada á figura homenaxeada, ao longo de todo o ano e nos diferentes ámbitos entre os que sobrancea o ensino.

As medidas de confinamento, as fases de desescalada, a suspensión das aulas presenciais nos centros de ensino, así como as continuas medidas de distanciamento social e protocolos de prevención sanitaria que se viñeron aplicando e nos que aínda, con tantas incertezas perante as repuntas que estamos a vivir, continuamos, seguen a impedir conmemorar, como correspondería, a persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas, Ricardo Carvalho Calero.

Esta imposibilidade vai alén do plano institucional e ten a ver, tamén, coa difusión da vida, obra e pensamento de Carvalho Calero a través dos centros de ensino, das librarías e bibliotecas públicas ou da importante actividade que o tecido social galego e o asociacionismo cultural de base realizan.

É por iso que o Bloque Nacionalista Galego se sumou no pasado mes de abril a todo un coro plural de voces que reclamaba prolongar a conmemoración de Ricardo Carvalho Calero ao ano 2021, porque resulta evidente que, mesmo agora xa entradas de cheo no último trimestre do ano e sen plenas garantías sanitarias, a crise provocada pola pandemia da COVID-19 fai imposíbel o desenvolvemento do Ano Carvalho Calero con normalidade.

Tanto o BNG do Barco como o da Rúa decidiron sumarse a esta iniciativa porque entenden que é de lei, aínda que supoña retrasar un ano a demanda das letras para Florencio Delgado Gurriarán.

O Concello do Barco xa debateu e aprobou esta moción mentres que no Concello da Rúa será debatida no Pleno Ordinario do mes de Novembro