O BNG DA RÚA OPONSE A UN ORZAMENTO MUNICIPAL QUE NON ATENDE ÁS NECESIDADES XERADAS POLA COVID

fotoMaria
Maria G. Albert

* Maria G. Albert propón un plan de reactivación de 100.000 € para a hostelaría e o pequeno comercio coas partidas que non se gastaron en festas e celebracións populares

O BNG DA RÚA OPONSE A UN ORZAMENTO MUNICIPAL QUE NON ATENDE ÁS NECESIDADES XERADAS POLA COVID

O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego votou hoxe á contra da aprobación dun orzamento municipal “surrealista na súa tramitación, inoportuno na súa presentación e ineficaz na súa atención aos problemas básicos que a COVID xerou no noso Concello”.

 

Despois de ter que retirar o orzamento municipal da orde do día no Pleno do pasado luns por irregularidades na súa tramitación, na súa segunda volta, de xeito anómalo e a través do “zoom” (debido á cuarentena á que está sometido o secretario municipal) Partido Popular e RUA aprobaron un orzamento municipal que a portavoz nacionalista cualificou “case dunha liquidación orzamentaria” por tratarse dun documento que pretende ordenar a xestión municipal e as súas guías básicas de actuación para un ano “que xa practicamente rematou en termos contables”.

 

Para o BNG é polo tanto un documento que “só pretende dar visos de legalidade ás irregularidades orzamentarias que o PP e o RUA cometeron durante o ano” e culminadas coa tramitación esperpéntica deste documento, con gastos realizados sen partida asociada, con investimentos nun ano en que o orzamento prorrogado non validaba ese capítulo de gasto, cun alcalde e unha tenente de alcalde que cobraron de partidas esgotadas desde o mes de xullo e cun alcalde que gastou nas partidas de libre disposición (2-23) 16.500 €, o cuádruple do destinado a estes gastos directos en anos anteriores.

 

A líder da oposición quixo saber en que se gastou o diñeiro da área de gasto 33 (Cultura), que só se ve afectada en 44.000 € nun ano no que apenas houbo actividade cultural por motivo da pandemia, no que non se celebrou ningunha das principais festas populares e no que o concello mantivo pechado o Centro Cultural Avenida durante meses pola COVID e porque, tal e como o alcalde sinalou na truncada sesión do luns “o grupo de goberno entende que isto da cultura é unha cuestión secundaria”.

 

En correlación con isto Albert anunciou que o BNG presentará unha moción para que as partidas que terían gastadas en festas de verán e Bacofesta (que tasou nuns 100.000) se destinen a un plan de axudas directas ao comercio local e a hostelaría da Rúa.

 

Por último desde o BNG criticouse duramente que o grupo de goberno presionase ás asociacións culturais e clubs deportivos do Concello para que renunciasen á súa subvención xa que estas entidades constitúen “a parte máis activa e dinámica da sociedade ruesa”.

O BNG DA RÚA OPONSE A UN ORZAMENTO MUNICIPAL QUE NON ATENDE ÁS NECESIDADES XERADAS POLA COVID